O MONTE CABALAR
Monte Cabalar é unha cooperativa de explotación comunitaria da terra que agrupa aproximadamente 3.600 propiedades.
O Monte Cabalar
Monte Cabalar é unha cooperativa de explotación comunitaria da terra que agrupa aproximadamente 3.600 propiedades de máis de 1.000 propietarios nunha explotación gandeira en extensivo con máis de 700 ha de monte fechadas nas parroquias de Somoza, Tabeirós, Nigoi, Arca e Souto (concello da Estrada) co obxectivo de intervir sobre o abandono e o minifundio.
Despois de moitas xuntanzas e unha tarefa de concienciación e formación os traballos culminaron positivamente na constitución dunha cooperativa coa participación de máis de 330 socios/as, e na materialización do proxecto: a experiencia dunha explotación silvopastoral en réxime coooperativo.
O Cabalar era un monte en réxime de propiedade comunal, entre 1870 e 1920. Coincidindo coa loita antiforal, realízase un proceso de partición que permite a privatización do comunal ampliando a base territorial de cada explotación familiar e permitindo un aproveitamento máis intenso e directo do monte. A propiedade agraria do monte caracterízase por un minifundio con excesiva parcelación e xeneralización da titularidade.
Hoxe ten un réxime de pequenas propiedades particulares: para as 600 ha estímanse 3.600 propiedades (cunha media de superficie de 0,16 ha) de máis de 1.000 propietarios, dos cais, aproximadamente, dous terzos son absentistas (non residen no Concello).
Levar o gando ao monte era un sistema de pastoreo semi-extensivo practicado sobre todo nas zonas altas ata fai 30 anos. O aproveitamento pascícola do monte complementaba a alimentación da gandaríae no verán cortábase o toxo que logo se baixaría para facer a cama do gando e obter o esterco co que se fertilizaban as terras de labor. Segábase, igualmente, o cereal que se cultivaba nas lombas. Nos últimos atardeceres do estío baixaban decenas de carros cara ás aldeas cargados de toxo e de més.
Fotografía de Chan da Espiñeira (Nigoi), 1947
Nas quenlladas máis abruptas deixábase medrar o toxo varios anos para empregalo como combustible nos fornos de leña. O pastoreo, a roza de toxo para facer esterco ou para leña e o cultivo de cereal, exercían un control sobre a matogueira, base do equilibrio entre as comunidades e o monte. A transformación, iniciada a fins dos 60, do agrosistema tradicional nun agrosistema industrial baseado na intensificación e na mecanización, xunto á dificuldade orográfica, levaron a desaproveitar a alta capacidade produtiva dos montes. O primeiro en abandonarse foron as zonas altas de menor aptitude forestal, posteriormente o abandono chegou tamén aos bosques de ladeira, ás fragas e aos agros. Como solución, en parte, optouse pola intensificación, sen criterios de ordenación, da produción forestal coa introdución de especies pirófitas creando grandes masas monoespecíficas, en xeral, sen xestión do estrato arbustivo. O abandono rompeu, así, o equilibrio entre capacidade de produción de biomasa e o control da mesma, que pasou a acumularse en forma de carga combustíbel.
A consecuencia máis grave da paisaxe do abandono, alén do desaproveitamento de recursos e da imposibilidade de identificación da propiedade, foi a aparición dos incendios. Acumulada carga combustíbel, é cuestión de tempo que xurdan as condicións óptimas –deshidratación, altas temperaturas, ventos e, necesariamente, o polémico punto de ignición- para que se produzan incendios. A sorprendente capacidade de recuperación dos montes galegos permitirá nuns poucos anos novas acumulacións de biomasa, estabelecéndose así o ciclo do lume a xeito dunha espiral que cada vez que pasa faino acrescentando maior degradación dos solos e o medio ambiente.
Monte Cabalar, marzo do 2005
Detrás do abandono do monte chegou progresivamente o do agro. Na campaña 1995/96 había na parroquia de Arca 60 explotacións mentras que na campaña 2006/07 sólo quedaban 12 explotacións en activo; delas, 4 non tiñan actividade económica e 6 eran de autoconsumo. Das 8 con produción, 7 tiñan como titulares unha muller, sendo, pois, actividade complementaria e non principal da unidade familiar.
Na práctica, a descrición feita vén a cadrar cunha situación de terras en mans mortas, á marxe do mercado e dos circuítos de produción. A necesidade evidente de desenvolver unha acción conxunta compensou a tendencia ao individualismo agrario. En maio do 2006 xerouse nas comunidades un proceso participativo.
Iniciouse un diálogo social, maio 2006
Cadrando coa crise do agrosistema industrial (pensos hormonados, vacas tolas, transxénicos), cadrando coa intensificación dos desequilibrios ocasionados polo comercio agrario internacional, encarecemento da enerxía e insumos; e, doutra banda, coa preocupación dos consumidores pola calidade e autosuficiencia alimentarias, resultaba oportuno, e mesmo didáctico, que, xurdira un proxecto cooperativo para desenvolver un modelo de xestión que recupera o equilibrio agroforestal tradicional despregando un sistema multifuncional cuxa sustentabilidade se fundamenta na extensificación e no silvopastoreo.
O abandono da actividade xunto ás alteracións introducidas no modelo forestal crearon unha secuencia cíclica –biomasa, lume, erosión- que provocou o colapso do ecosistema. Fronte a grandes masas de toxo e eucalipto, a recuperación e ordenación dun macizo de 1.200 ha, co obxectivo de gañar a batalla do lume e manter os estándares de produción en ecolóxico, abre unha oportunidade de xestión do territorio que favorece a biodiversidade, a mellora ecolóxica, ambiental e paisaxística.

Nova paisaxe Monte Cabalar: Xestión integrada de multitude de pequenas propiedades
A asemblea fundacional foi realizada o 30 de xuño e a constituínte o 22 de agosto do 2006 coa inscrición no Rexistro de Cooperativas. Na actualidade hai máis de 330 socios cooperativistas participando desta experiencia.
A cerna do proxecto fica recollida no artigo 4 dos nosos Estatutos ao definir o obxecto social:
“A Cooperativa terá por obxecto a xestión integrada nunha única explotación de multitude de pequenas propiedades para acometer un proxecto de gran explotación gandeira, forestal e agrícola, encamiñado ao mellor aproveitamento e valorización das terras, á mellora da poboación agraria e ao desenvolvemento do medio rural.”
O modelo de xestión , aínda que poida semellar innovador, consiste na recuperación do equilibrio agroforestal tradicional con base, a un sistema multifuncional que vira en torno ao silvopastoralismo.

Rubias nun pasteiro implantado na aba do Pedroso, maio 2008
Actualmente no Monte Cabalar hai un rabaño de 360 cabras, e de 100 cabezas de gando caldelao participando no programa de recuperación de razas autóctonas, 26 cabezas de rubia galega inscrita, e unha grea de 50 égoas con 28 inscritas en pura raza galega. Son rabaños novos e lévase un programa de recría de nodriza e véndese carne de cabrito, tenreiro caldelao e poldro coa nosa marca.
En xuño de 2007 iniciouse a venda de cabritos, á que continuou, de xeito progresivo, a de becerros e poldros.
Véñense realizando rozas, faixas de protección e traballos silvícolas en zonas xa arborizadas, reforestáronse unhas 60 ha con frondosas e coníferas e preparouse para reforestación na próxima temporada unha superficie de 30 ha.
Desde o verán de 2006 vénse recollendo unha media de 500 rolos de herba, unha superficie aproximada de 50 ha, nos agros en abandono das 4 parroquias. Esta primavera iniciamos a experiencia do cultivo de forraxe en superficie agrícola abandonada.
Fixéronse no monte numerosas obras para captacións de auga con tanques de almacenamento, Laboreo superficial para a implantación de pasteiros, rozas de mato, correccións de ph e fertilizacións, queimas prescritas,parcelacións interiores para manexo do gando e regulación do pastoreo e mellora e acondicionamento de accesos e pistas interiores .

Ademáis procedeuse á construción dunha manga de manexo e patios de recría e a construción dunha nave de 500 m2 para refuxio de gando caprino e dun armacén de 100 m2 para maquinaria e forraxe.
Para a realización destes traballos fíxose un importante investimento de capital público a través dun convenio subscrito coa Consellaría de Medio Rural, e de capital privado, en forma de participacións ao capital social, para un monte e unhas propiedades que se daban por perdidas.
Ademais da execución das obras e traballos, este investimento permitiu crear 8 empregos directos a tempo completo. Na actualidade opérase cun equipo de 7 traballadores:
· 1 Director técnico
· 1 Encargado de manexo na explotación gandeira, estando á procura dun 2º pastor.
· 1 Técnico forestal
· 4 peóns forestais na execución do proxecto de ordenación forestal
Nas campañas de promoción iniciadas no verán de 2007 para presentar os produtos do Monte, nas degustacións públicas de becerro caldelao –2007 e 2008- e de cabrito –2009, ou nas exposicións do proxecto en xeral, elaboraronse esquemas divulgativos que expoñen a filosofía do Monte Cabalar. Nestes esquemas procuranse lemas que transmiten a mensaxe de que é posíbel construír un novo modelo:
Nova paisaxe monte cabalar
A pesar das inxentes dificuldades, hoxe Monte Cabalar é unha experiencia xa consolidada de xestión cooperativizada da terra, de desenvolvemento dun sistema agroforestal para a recuperación de monte en abandono e de constitución de unidades de xestión forestal.
Monte Cabalar é hoxe un referente que vén actuando como punto de encontro, de transferencia de tecnoloxía e de experiencias en temas como valorización de montes, silvopastoralismo ou gandaría en extensivo.
Recibe visitas técnicas de comunidades, propietarios, particulares, escolares, etc. Colabora con outras iniciativas, divulga a experiencia, imparte charlas, participa con comunicacións en xornadas técnicas e congresos en Galiza e noutras comunidades.
Colabora co CIAM de Mabegondo e co CTC en melloras de pasteiros, manexo de gando e mellora de canais cárnicas de equino, e co centro de Lourizan en avaliación de biomasa e queimas prescritas.
A descuberta de recursos humanos que estaban durmidos, activos fundamentais en calquer proceso innovador, e a súa valiosa incorporación ao traballo social que realiza a cooperativa.
A boa acollida, a nivel local e supralocal, dos produtos da nosa explotación que, ás veces, é máis polos valores engadidos que representa que polo produto en si mesmo, reforzando simultaneamente a promoción dos estándares de calidade, asociados á produción tradicional e ecolóxica, entre os propios socios, a nivel local e en xeral, ao adoptalos desde o primeiro momento como propios.
Recuperouse o importante uso social do monte e neste tempo levan subido, depois de décadas, boa parte de propietarios e veciños resultando sempre unha gratificante visita, ampliándose cada vez máis a veciños doutras parroquias e doutras localidades.
Nave gandeira no Monte Cabalar
A información que presentamos neste apartado foi cedida na meirande parte por Fuco, Francisco X. Barreiro Carracedo, presidente e promotor da cooperativa Monte Cabalar.






